TRADUCTOR

FÚTBOL GAÉLICO

Coñecedes o fútbol gaélico??? 

É unha variante do fútbol xogada principalmente en Irlanda, sendo o deporte con maior popularidade deste país (enchen estadios de 100.000 persoas). Xógase en equipos de 15 xogadores (no noso país son 11) nun campo rectangular de céspede, con porterías en forma de H a ámbolos dous lados. 


O obxectivo principal é anotar o maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o balón por enriba do longueiro (1 punto). Os xogadores avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo co pé e pasándoo (golpeando o balón coa man) entre compañeiros de equipo. 


O fútbol gaélico conta ademais cuns valores únicos dentro do mundo do deporte: é un deporte amateur por definición e promove a cultura do “terceiro tempo”, primando a camaradería entre rivais.

¿QUE É O QUE O FAI DIFERENTE?

O fútbol gaélico ten unha serie de características que o fan único e diferente a outros deportes.

É UN DEPORTE MOI COMPLETO
 
O fútbol gaélico xógase coas mans e cos pés, co que se traballa tanto o tren superior como o tren inferior. Comparte habilidades con outros deportes, pero tamén posúe habilidades únicas, como o “solo” ou o “crouch lift”.
Trátase dun deporte moi dinámico, no que o balón sempre está en movemento, e require dunha boa concentración e coordinación.

BASEADO NO RESPETO
 
Un dos pilares fundamentáis do fútbol gaélico é o respecto. O compañeirismo é un compoñente moi presente no noso deporte, no que cada membro do equipo está para apoiar aos outros.
Tamén é sagrado o respecto ao rival. No campo a intensidade coa que enfrontamos ao rival é total, pero todo o que pasa no campo queda no campo. Non en vano, ao remate do partido ambos equipos disfrutarán do popularmente chamado “terceiro tempo” en convivencia.
E por último, o respecto ao árbitro e demáis oficiais é total.

DEPORTE AMATEUR
O fútbol gaélico é, por definición, un deporte amateur. Isto implica que todos os xogadores, incluídos os pertencentes aos mellores equipos de Irlanda, non poden cobrar por xogar. Ademáis, un xogador só defenderá as cores do equipo da súa vila (de feito están prohibidas as fichaxes).
O vínculo clube-xogador é tan forte, que resulta inconcebible pensar en xogar noutro clube: a maior honra é defender as cores do propio clube e, chegado ao caso, o teu propio condado.

¿PERO COMO SE XOGA?


POSESIÓN DO BALÓN

O balón en fútbol gaélico é esférico, lixeiramente máis grande e pesado que un balón de fútbol soccer. De feito, podemos xogar o balón polo chan cos pés coma se de fútbol soccer se tratase. Sen embargo, isto non é o máis habitual e efectivo. Normalmente, o balón lévase agarrado coas mans contra o corpo, dun xeito similar ao rugby.



MOVERSE CO BALÓN
 
Poderemos movernos libremente polo campo co balón entre as nosas máns, salvando unha pequena restricción: cada catro pasos, deberemos “facer algo co balón”. Para continuar en posesión do balón, deberemos ou ben botar o balón, ou ben facer un “solo” (soltar o balón, facer un toque co pé, e volver coller o balón). Unha vez feito isto, poderemos seguir correndo outros catro pasos.

Nunha carreira continua, poderemos facer o número de “solos” que queiramos, pero non poderemos botar o balón dúas veces de forma consecutiva. Poderemos alternar o “solo” e o bote, ou ir facendo “solos” e reservar o bote, por exemplo, para regatear a un contrario. De feito esa é a gracia desta norma: realizar un bote é máis fácil que un “solo”, por iso está máis restrinxido!

E ollo con quedarse quieto! Se nos quedamos quietos un tempo equivalente ao que nos levaría dar catro pasos, sen botar ou facer “solo”, será igualmente falta. Así que moralexa: en fútbol gaélico, cando teñas o balón, non te quedes quieto!



 O PASE

A parte de movernos co balón, poderemos pasarllo a un compañeiro e, ao igual que a conducción, ten as súas peculiaridades. Co balón nas nosas mans, poderemos realizar o pase de dúas formas: coa man ou co pé.

O pase coa man execútase golpeando o balón coa man aberta ou co puño. A outra man servirá de soporte do balón, e mesmo pode acompañar un pouco para dirixir o pase. Para que te fagas unha idea, este pase execútase de forma moi similar a un saque baixo de voleibol, sen chegar a soltalo antes do golpeo e bombeándoo o menos posible. Este pase empregarémolo para distancias curtas.

O pase co pé ten menos misterio: simplemente soltaremos o balón e patearémolo na dirección do noso compañeiro.

Por último, non existe restricción algunha na dirección do pase: poderemos pasar cara adiante ou atrás, volver ao noso campo ou área, etc.




TOMANDO POSESIÓN DE BALÓN: O “CROUCH-LIFT”

Ante un pase dun compañeiro, ou nun balón dividido, o habitual será tomar posesión do mesmo agarrándoo coas mans. En fútbol gaélico distínguense varias formas de agarrar o balón (high catch, body catch, low catch…), segundo a altura da que provén e se estamos defendidos. Pero ollo! Só poderás coller o balón directamente coas mans se este se atopa no aire (ou botando). Se o balón está no chan, como fago?

En fútbol gaélico é ilegal tocar o balón coa man se este se atopa no chan, ou rodando sobre el. Para gañar a posesión do mesmo, deberemos executar o que se coñece como “crouch-lift”, isto é, picar levemente o balón contra as nosas mans.

O TIRO E OS PUNTOS

Todas as habilidades anteriores teñen como meta o mesmo obxectivo: anotar na portería contraria. En fútbol gaélico as porterías teñen forma de H: se o balón pasa por enriba do longueiro (tanto) o equipo atacante anotarase un punto, mentres que se cola o balón por debaixo do longueiro (gol) anotarase tres puntos. En fútbol gaélico é habitual ver o marcador desglosado en goles e tantos, de forma que se vemos un resultado 2-10 a 1-15 indicará que o equipo local marcou 2 goles e 10 tantos (16 puntos en total) por 1 gol e 15 puntos do visitante (18 puntos en total), co que a victoria sería destes últimos.

Para anotar un tanto teremos que pasar o balón por riba do longueiro rival. O normal é facelo tirando co pé, aínda que se estamos o suficientemente preto tamén o poderemos facer coa man (coma se fora un pase). Sen embargo, o gol só poderemos anotalo tirando co pé, ou excepcionalmente rematando co puño un pase ou balón dividido.

E ollo porque o “fóra de xogo” (denominado “square-ball”) só existe na área pequena, co que os defensas deberán marcar sempre de cerca aos dianteiros riváis!


O BLOQUEO E O XOGO DEFENSIVO

Xa sabemos como tirar e marcar puntos, pero se nos toca defender, como o facemos? Como vimos, en fútbol gaélico tende a prevalecer o xogo coas mans, especialmente en defensa, co que non poderemos realizar certas accións co pé.

Para bloquear un tiro ou pase, farémolo sempre tratando de bloquealo con ambas mans. Tratar de bloquear un tiro antepoñendo o pé considérase xogo perigoso. Igualmente, se un xogador trata de apañar un balón divido coas mans ou facer un “crouch lift” e un xogador rival trata de golpear o balón co pé, considerarase xogo perigoso.
Cando o xogador rival está en posesión do balón, poderemos tratar de quitar das mans golpeando o balón, ou esperando a que o xogue para roubarllo. Adicionalmente, poderemos realizar unha carga contra o ombro do xogador rival que posúa ou compita pola bola.    



O SAQUE E A REANUDACIÓN DO XOGO

No inicio de cada un dos dous tempos procédese a un saque neutral no medio do campo. O árbitro lanzará o balón ao aire, e dous xogadores de cada equipo competirán pola posesión do mesmo, nunha maniobra similar ao saque inicial no baloncesto. O resto deberán estar a unha distancia de 13 metros.

Tras unha falta, salvo contadas excepcións, o xogo reanudarase dende o punto onde ocorreu a falta (ou onde caeu o balón). O xogo deberá reiniciarse pateando o balón co pé, podendo facelo dende a man ou pousado no chan.

E se o balón sae fóra do campo? Se é pola banda, reanudarase dende o punto onde saiu, debendo golpearse co pé dende as mans. Se o balón sae de fondo tras tocar un atacante, o porteiro procederá a sacar de porta. Se no trocante é un defensa que fai sair o balón polo fondo, realizarase un saque dende a liña de 45 metros á altura por onde saiu o balón (este saque debe facerse obrigatoriamente co balón pousado no chan).

Por norma xeral, ningún xogador pode estar, nin recibir o balón, a menos de 13 metros do xogador que realiza o saque.


GALICIA.

En Galicia hai unha liga autonómica con presencia de equipos que compiten en campeonatos nacionais e internacionais.


Agora mesmo en activo hai 7 equipos femeninos e 10 masculinos. En proxecto para a temporada do ano que ven hai 2 equipos máis masculinos.

Aparte Galicia conta coa Selección Galega, que participou en varios campeonatos internacionais. Os que cabe destacar son:
  
XOGOS MUNDIAIS 2015: ABU DHABI

A Selección masculina rematou subcampiona, sendo derrotada na prórroga da final por 3 puntos a favor de Arxentina. Pola súa parte a selección feminina foi terceira tras caer na semifinal contra Oriente Medio e imporse a Sudáfrica.

  
XOGOS MUNDIAIS 2016: IRLANDA

A Selección masculina rematou no terceiro posto (campión do torneo Plate). A Selección femenina foi quinta (campiona do torneo Shield).



EUROGAMES 2018

EuroGames de Lorient 2018, un proxecto que nacería co fin de promocionar o fútbol gaélico entre europeos non-irlandeses. Enmarcado dentro do Festival Intercéltico de Lorient.
Os rapaces quedaron subcampións ante Francia 15 a 10, mentres que as rapazas acadaron o título, tamén ante Francia, tras imporse 28 a 24 na prórroga.




Ningún comentario: